Antón Díaz «Papaqueixo», non é dos Díaz de Pablo Díaz, aínda que sexa tamén Díaz, (xa que hai mais Díaz que romeríaz)… pero son da mesma quinta e andiveron polas mesmas festas e compartiron palco durante anos até que chegaron a cadrar espacio-temporalmente na banda Tic Tac que lidera Díaz (Pablo, claro).
Estes aniños de rockmerias, o baixista da banda Tic Tac aproveitounos para fundar e desfacer «Os Papaqueixos», para fundar e desfacer «A Turma Angolo Galega» de Alberto Bundi, para argallar xunto a Fran Amil e Xurxo Souto «Os 3 Trebóns», para tocar no grupo de baile «Deixa que XA!», e para darlle vida ao grupo de folq-lisérxico«Ulträqäns». Tamén presume Antón de formar parte da banda do seu veciño Cañita Brava e de chegar a compartir palco con Antón Losada ou «O Maradona de Carballo». Antón é baixista de vocación, aínda que grazas a rachar os ligamentos do xeonllo dereito bailando nas festas das San Lucas de Mondoñedo, aproveitou a baixa laboral ocasionada en mercar un contrabaixo eléctrico que tamén usa de cando en vez nos bolos de Tic Tac, cando ten sítio no carro.